Thursday 09 de May de 2024

A presión do BNG consegue que por vez primeira en 9 edicións se teña constancia de que a Consellaría de Medio ambiente autoriza o «IX Costa Trail de Dexo»


Porén, a urxencia do trámite impide coñecer o trazado e consideramos que é un xeito de actuar carente do mínimo rigor esixíbel nun caso que afecta a unha área extremadamente sensíbel ambientalmente
Tamén nos preguntamos se nas anteriores edicións existiu un informe ambiental e lamentamos a opacidade e falta de transparencia da administración autonómica

Despois de varias semanas solicitando información por varias vías, o BNG soubo hoxe venres que o IX Costa Trail de Dexo recibiu o informe positivo da Consellaría de Medio Ambiente con menos de 48 de antelación, o que imposibilita coñecer e estudar a documentación axeitadamente e presentar alegacións.
Desde o BNG de Oleiros, cremos que é a primeira vez que a Consellaría se viu obrigada a facer este trámite, polo que o noso portavoz municipal, Iván Roca, demanda que «a Xunta de Galiza acredite que as anteriores edicións do Trail contaron co preceptivo informe da Consellaría de Medio Ambiente».

O BNG de Oleiros leva varias semanas a actuar por varias vías, demandando información a todos os axentes implicados sobre o trazado, os informes de Medio Ambiente, etc., e hoxe soubemos que a autorización se concedeu hai apenas unhas horas. Esta situación preocúpanos enormemente, xa que nos fai pensar que nas oito edicións anteriores a Consellaría de Medio Ambiente non realizou os correspondentes controis, un feito de enorme gravidade que implicaría que a organización non solicitara a necesaria autorización, e que a administración autonómica ignorou a súa obriga de protección deste espazo.

A presión de diferentes colectivos ambientalistas, ademais da veciñanza e do propio BNG, obrigou a que, finalmente, aínda que apenas a tempo para permitir a celebración do Trail, se vaia contar coa preceptiva autorización da Consellaría de Medio Ambiente. A organización dunha proba deportiva destas características implica moitas persoas, recursos e cuestións de seguridade, polo que entendemos que unha autorización deste tipo, dun medio tan delicado, non pode realizarse a só unhas horas da súa celebración.

A urxencia deste trámite impide coñecer o informe ambiental, polo que o BNG se manterá vixiante e continuaremos a exercer o noso papel fiscalizador (que corresponde, en realidade, á Consellaría de Medio Ambiente) para asegurarnos de que esta actividade, como todas as demais que se organizan no Monumento Natural, se realice con todas as garantías de protección ambiental. O noso portavoz municipal destaca que «a protección do Monumento Natural é moito máis importante que calquera actividade con ánimo de lucro, e a Consellaría de Medio Ambiente debería ser a primeira defensora deste espazo».